Proxecto de mellora do espazo deportivo coñecido como “O Campito” en Chapela

O obxectivo fundamental desta actuación é a revitalización dun espazo público central na vida de Chapela; para iso preténdese a mellora dos accesos e as comunicacións internas da zona, a mellora da accesibilidade, a creación de novas zonas verdes e o aumento das superficies existentes, a creación de novas zonas de sombra e protección ante a choiva, o aforro enerxético etc.

A dotación de infraestruturas implicará crecemento económico, seguridade e, en definitiva, unha mellora nas condicións de vida da poboación.

É parte central da proposta o deseño dos espazos tratados de forma que sexan accesibles para todas as persoas, poñendo especial atención ás condicións que requiren os home e mulleres de máis idade, así como as persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de discapacidade.

Ademáis, a intervención cumprirá cos seguintes obxectivos:

  • Converter a área de actuación nun “espazo amable” para a cidadanía, intervindo neste espazo público, a través dunha nova ordenación dos espazos, xerando novos accesos, tendo en conta a accesibilidade dos mesmos, todo iso para lograr a mellora da calidade do espazo urbano e na súa activación social, cultural e económica.

  • Garantir a accesibilidade universal de toda a cidadanía.

  • Contribuír aos criterios horizontais de igualdade de oportunidades e non discriminación, así como responsabilidade social e sustentabilidade ambiental.

Conseguindo os obxectivos propostos promoverase a relación entre os usuarios e as usuarias, de fomentar a cultura e a economía de Redondela, ademais de lograr unha mellora ambiental, de eficiencia enerxética e de calidade de vida en xeral.

Descrición do proxecto

Co proxecto exponse un desenvolvemento urbano sostible que amplia os espazos verdes, mellora a accesibilidade na área, e mellora a calidade xeral dos acabados na área de actuación, crea áreas de sombra que cualifican o espazo, mellora a relación coa contorna dos espazos públicos e aposta decididamente polo deporte e a mellora das relacións sociais da cidadanía.

O deseño responde a un novo modo de entender a cidade, onde os espazos urbanos están enfocados á cidadanía e ás súas relacións persoais.

Os criterios básicos, tras a análise da situación actual, que supoñen a idea da proposta son os seguintes:

  • Aumento das zonas verdes.

  • Estudo e redeseño dos itinerarios peonís con especial atención á conectividade e a accesibilidade.

  • Instalación de novo mobiliario urbano: bancos, papeleiras, aparcamentos para bicicletas e alcorques.

  • Xeración de zonas de sombra e protexidas da choiva.

  • Tratamento integral das zonas axardinadas.

  • Renovación das redes de servizos existentes que o precisen, contemplando a eficiencia enerxética na iluminación urbana.

Descrición pormenorizada do proxecto

  • Xerando un acceso mediante unha escaleira con bancada desde o lugar máis próximo á Alameda de Rosalía de Castro conéctase o espazo deportivo co resto da intervención, producindo un acceso directo tanto desde a propia Alameda como para os fluxos do sur e do oeste (pasarela sobre as vías do tren).

  • Ao norte inclúese unha rampla que mellora a accesibilidade do espazo.

  • Unha zona verde vén resolver o salto de cota entre a Avenida José Fernández López e a explanada existente, introducindo vexetación no ámbito.

  • Tamén se proxecta unha zona verde baixo a pasarela, creando un pano de fondo para as pistas deportivas.

  • Bancos e xardíns con céspede e flores delimitan e achegan vexetación á contorna.

  • Establécese un camiño crebado e lonxitudinal que cose o espazo partindo do norte da parcela e desembocando no aparcamento, este paso delimita a zona do pergolado cuberto parcialmente para protexer aos usuarios e usuarias das inclemencias do tempo. Pistas deportivas e a zona de estancia.

  • O muro de pedra existente ao sur das pistas stase e limpa ademas de ser acompañado dunha estrutura de reixa electrosoldada co obxectivo de crear un fondo verde e ademais crear un fito visual, unha referencia.

  • Remátase esa fronte cunha bancada de pedra.

  • Na zona destinada a pistas deportivas renóvanse os valados e insere unha bancada lonxitudinal ao oeste, servindo de separación da vía férrea e espazo de observación dos acontecementos que acolla o recinto.

  • Respecto á evacuación de augas pluviais, renóvase a instalación mellorando o seu funcionamento.

  • Inclúese unha nova instalación de iluminación deportiva adecuada ao uso.

DANOS A TÚA OPINIÓN… ESCOITAMOS Á MOCIDADE!

  • Os datos que facilites serán xestionados polo Concello de Redondela. Contacto: info@redondela.gal
  • Os datos que facilites serán usados para atender a consulta que plantexes neste formulario.
  • Os datos que facilites non serán cedidos a terceiras persoas / empresas.

Antes de enviar este formulario, le a sección POLÍTICA DE PRIVACIDADE desta web.